Wednesday 15 de May de 2024

O concello de Riveira organiza visitas guiadas polo entorno do parque de San Roque, o castro da Cidade e Pedra da Ra


Son gratuítas e teñen lugar os xoves e venres

O Concello de Riveira ofrece visitas guiadas e gratuítas durante os meses de xullo e agosto.

Os percorridos realízanse os xoves e venres cunha duración dunha hora con explicacións no Centro de interpretación arqueolóxica e Parque periurbano de San Roque e outra hora no miradoiro da Pedra da Ra e o castro da Cidá.

Entre un punto e outro haberá un tempo de 30 minutos para facer o desprazamento, que poderá ser a pé ou en coche privado. O interesado poderá optar por visitar os catro puntos do programa, ou ben elixir entre a ruta de San Roque ou a do miradoiro e o castro. O horario das visitas distribúese en dúas quendas cada día: ás 11 h pola mañá; e ás 18 h pola tarde.

O punto de inicio das visitas guiadas é o Centro de interpretación arqueolóxica. A explicación neste lugar achega ao visitante ás tres principais etapas da prehistoria galega (megalitismo, arte rupestre e cultura castrexa) a través da visita á exposición permanente deste centro.

A continuación desta primeira aproximación, o grupo desprazase ao entorno do Parque periurbano de San Roque, un museo ao aire libre no que diferentes réplicas de monumentos prehistóricos permiten descubrir os primeiros anos da historia de Riveira.

Despois dun descanso de media hora, os visitantes encóntranse na seguinte parada: miradoiro da Pedra da Ra, onde se ofrece unha interpretación das vistas que se aprecian dende este punto e se introduce ao visitante no propio monumento que simboliza o outeiro con forma de ra. O último punto é o castro da Cidá. Aquí realízase a explicación sobre as dúas intervencións arqueolóxicas do recinto e os resultados que destas se obtiveron.
Para realizar a visita deberá haber un grupo mínimo de oito persoas en cada quenda (11 h e 18 h) e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

A reserva debe efectuarse cun mínimo de 24 h de antelación. Esta reserva non implica a confirmación da realización da visita. Esta confirmación producirase a través dunha chamada telefónica o día anterior ao día reservado.

Recoméndase acudir ás visitas guiadas con roupa e calzado adecuado para facer percorridos por sendeiros de terra; empregar protección solar; levar auga; e ser puntual, xa que a ruta comeza á hora indicada.

Para recibir máis información e facer a reserva, os interesados poden dirixirse á Oficina municipal de información turística situada en Xarás ou no teléfono 981 870 980. O horario de atención desta oficina é de luns a domingo de 11-14 h e de 17-20 h. Finalmente, tamén o poderán facer as súas consultas a través do correo electrónico turismo@riveira.com.